ICACOR

09/04/2018 10:19 Antiguedade: 4 yrs

Nota de prensa do Consello da Avogacía Galega

XUNTANZA ENTRE O CONSELLO DA AVOGACÍA GALEGA E A XUNTA DE GALICIA PARA O ANÁLISE DA SITUACIÓN DE FOLGA NA XUSTIZA

A Coruña, 6 de abril de 2018. Na mañá de hoxe tivo lugar o encontro entre a Consellería de Xustiza da Xunta de Galicia e o Consello da Avogacía Galega a raíz da folga da Xustiza en Galicia. No seu transcurso falouse da preocupante situación actual que vive a Xustiza en Galicia.

En primeiro lugar, desde a Xunta de Galicia transmitiron as súas desculpas polos prexuízos que a folga está causando á cidadanía, ademais da outros colectivos profesionais como son os avogados, procuradores e outros axentes con actividade vinculada á Xustiza.

A Xunta de Galicia comunicou a súa disposición á negociar as propostas que están agora mesmo na mesa xunto a súa apertura a examinar novas posibilidades que lles permita efectuar unha nova proposta aos sindicatos dentro do escenario legal e económico da Xunta de Galicia co obxectivo de pechar definitivamente un acordo que satisfaga a ambas partes.

Así mesmo, ambas institucións comentaron a súa preocupación pola situación na que se atopa actualmente a Administración da Xustiza en Galicia, trasladando o seu interese mutuo por articular medidas correctoras mentres a situación actual continúe e cando remate. 

Desde o Consello da Avogacía Galega agradeceuse a información e datos facilitados, ademais de poñerse a súa disposición para tratar de achegar a un acordo da maneira máis urxente posible para resolver esta situación que prexudica gravemente á cidadanía.

 

Sobre o Consello da Avogacía Galega
O Consello da Avogacía Galega, creado en 1993, é o órgano superior da administración colexial da avogacía galega, aglutinando a tódolos Colexios de Avogados de Galicia: A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Ferrol, Santiago de Compostela e Vigo.

Así, ten por obxecto agrupar e coordinar os distintos colexios integrados, e asumir a súa representación en cuestións de interese común profesional, no ámbito autonómico. Como máximo representante da profesión en Galicia, o Consello vela polo correcto exercicio da profesión e é o máximo interlocutor perante a administración e a sociedade. Entre outras funcións, ocúpase de coordinar a acción dos Colexios de Avogados de Galicia, exercer o control deontolóxico dos seus membros, organizar o servizo de orientación xurídica e a quenda de oficio e procurar a formación continuada dos profesionais.