ICACOR

10/04/2014 00:00 Antigüedad: 8 yrs

Comunicado de prensa del Consello da Avogacía Galega

O Consello da Avogacía Galega rexeita a proposta de reforma dos Partidos Xudiciais.

Comunicado de prensa


O CONSELLO DA AVOGACÍA GALEGA REXEITA A PROPOSTA DE REFORMA DOS PARTIDOS XUDICIAIS

A Coruña, 09 de abril de 2014. En relación ás medidas anunciadas polo Ministerio de Justicia, que supoñen a supresión da maioría dos partidos xudiciais, o Consello da Avogacía Galega desexa manifestar o seguinte:

  • O sistema de administración de xustiza baseado en partidos xudiciais distribuídos por territorios é un modelo que funciona pacificamente, está plenamente aceptado pola sociedade, e non ten xerado queixas de operador xurídico ningún, sexan xuíces, fiscais, procuradores ou avogados.

 

  • As queixas en torno á Administración de Xusticia téñense referido sempre á escaseza de medios humanos e materiais, e especialmente ao insuficiente número de xuíces, que produce inaceptables dilacións na resposta que a Xustiza debe dar ao cidadán.
  • É incomprensible que, a pesar de que tales reclamacións se reiteran ata a saciedade desde hai décadas, a resposta do Goberno sexa eliminar os partidos xudiciais, e con eles un gran número de Xulgados necesarios para unha administración de xustiza de proximidade. É un fito máis no camiño emprendido polo Goberno para afastar ao cidadán da Xustiza, pois se coas taxas é cara e inaccesible, agora ademais, será lonxana e distante.

 

  • A proposta baséase en criterios económicos que vulneran o dereito á tutela xudicial efectiva establecido na Constitución. Mais tampouco se lle augura éxito ningún desde ese criterio, pois prexudica a economía do rural, inutiliza as enormes inversións realizadas ultimamente en edificios xudiciais e esquece a dispersión poblacional que caracteriza o noso país.
  • Por esas razóns, o Consello da Avogacía Galega confía en que a dita medida sexa definitivamente eliminada da anunciada reforma legal.

 

Sobre o Consello da Avogacía Galega
O Consello da Avogacía Galega, creado en 1993, é o órgano superior da administración colexial da avogacía galega, aglutinando a tódolos Colexios de Avogados de Galicia: A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Ferrol, Santiago de Compostela e Vigo.

Así, ten por obxecto agrupar e coordinar os distintos colexios integrados, e asumir a súa representación en cuestións de interese común profesional, no ámbito autonómico. Como máximo representante da profesión en Galicia, o Consello vela polo correcto exercicio da profesión e é o máximo interlocutor perante a administración e a sociedade. Entre outras funcións, ocúpase de coordinar a acción dos Colexios de Avogados de Galicia, exercer o control deontolóxico dos seus membros, organizar o servizo de orientación xurídica e a quenda de oficio e procurar a formación continuada dos profesionais.