ICACOR

Seccións de dereito

1.- Normas para a constitución e o funcionamento das agrupacións, comisións ou seccións no seo do Ilustre Colexio Provincial de Avogados da Coruña

Acordo da Xunta de Goberno: 4/12/2003

3.- Ao abeiro dos artigos 45.1.n) e 46 dos Estatuto Colexiais e 53.-n) e 54 do Estatuto Xeral da Avogacía, apróbanse por unanimidade as NORMAS COLEXIAIS PARA A CONSTITUCIÓN E FUNCIONAMENTO DAS AGRUPACIÓNS, COMISIÓNS OU SECCIÓNS NO SEO DO ILUSTRE COLEXIO PROVINCIAL DE AVOGADOS DA CORUÑA, cuxo texto queda unido á presente acta.

NORMAS PARA A CONSTITUCIÓN E FUNCIONAMENTO DAS AGRUPACIÓNS, COMISIÓNS OU SECCIÓNS NO SEO DO ILUSTRE COLEXIO PROVINCIAL DE AVOGADOS DA CORUÑA:

A Xunta de Goberno, en virtude das atribucións conferidas nos art. 53-n) e 54 do Estatuto Xeral da Avogacía Española e coa finalidade de promover e organizar actividades e servizos de interese para os colexiados, de carácter profesional, cultural, asistencial e análogos, dende a sede colexial e con utilización das súas instalacións, aprobou as seguintes normas que rexerán a constitución e o funcionamento das agrupacións, seccións e comisións que pretendan acollerse no seo do Colexio e a que se refiren os citados art. do Estatuto Xeral.

Norma primeira.-

A) No seo do Ilustre Colexio Provincial de Avogados da Coruña poderanse constituír agrupacións, seccións e comisións, para o estudo, desenvolvemento e fomento de actividades nas distintas ramas ou especialidades do Dereito, ou en peculiaridades concretas do exercicio profesional.

B) Só poderá existir unha agrupación, sección ou comisión para cada actividade, sen que se poida autorizar en ningún caso a súa constitución cando exista outra con idéntico ou análogo obxecto ou fin.

Norma segunda.- As agrupacións, seccións e comisións colexiais constituiranse dentro do Colexio de Avogados e carecerán de personalidade xurídica ou de capacidade de representar a institución colexial, pero gozarán dun "status" particular, para a autoorganización e autodefinición das súas funcións e actividades, así como para a utilización dos servizos e das instalacións colexiais.

Norma terceira.- A iniciativa para a creación de seccións colexiais poderá partir da Xunta de Goberno ou dunha proposta subscrita por, como mínimo, vinte colexiados.

Norma cuarta.- As seccións, agrupacións ou comisións colexiais terán unha función participativa, configurándose como o medio idóneo para que os colexiados intercambien opinións e experiencias e busquen solucións aos problemas que presenta o exercicio profesional. Aínda cando a función específica das seccións non sexa formativa, si que poderán organizar actividades concretas de interese para os seus membros, e deberán colaborar cos cursos, conferencias ou seminarios que organice a Comisión de Formación do Colexio de Avogados.

Norma quinta.- As agrupacións, seccións e comisións colexiais actuarán subordinadas á Xunta de Goberno; aínda que poderán ter finalidades, actividades profesionais e órganos propios, dentro das normas colexiais, conforme ás regras establecidas polos seus propios membros, estando abertas á incorporación de todos os colexiados, sen prexuízo de poder establecer requisitos obxectivos directamente relacionados co obxecto ou especialidade dela.

Para estes efectos, as agrupacións, seccións e comisións colexiais deberán someter á Xunta de Goberno os seus estatutos ou regras internas de funcionamento, co obxecto de verificar que aquelas respectan estas normas xerais e non vulneran ningunha disposición estatutaria ou colexial. No caso de rexeitar a aprobación das regras de réxime interno dalgunha sección, a Xunta de Goberno ditará unha resolución motivada que poderá ser impugnada ante a xurisdición civil.

Norma sexta.- O Colexio apoiará o funcionamento das agrupacións, seccións e comisións colexiais, mediante subvencións e a achega da súa infraestrutura, na medida das súas posibilidades e tendo en conta o número de integrantes, se o acceso é totalmente aberto ou restrinxido, se se perciben ou non cotas propias (así como o importe delas), e esencialmente o programa de actividades colexiais ou sociais que se realizasen no ano anterior e as que proxecten no programa para o seguinte ano, que necesariamente lle deberán presentar á Xunta de Goberno antes da convocatoria da Asemblea Xeral do Colexio na que se deban aprobar os seus orzamentos.

Norma sétima.- As seccións, agrupacións e comisións colexiais poderán fixar cotas de incorporación ou periódicas para contribuír a sufragar os seus gastos, que non poderán superar o 50% da cota ordinaria do Colexio salvo acordo expreso da Xunta de Goberno, que poderá admitir con carácter excepcional cotas superiores para un determinado exercicio ou anualidade logo da previa solicitude razoada da sección que o propoña, á que se deberá achegar un informe motivado que xustifique tal petición.

Norma oitava.- Crearase un rexistro de agrupacións, seccións e comisións colexiais, no que figurarán todas as que reúnan as condicións previstas neste regulamento (cuxa denominación non poderá ser utilizada por ningunha outra), así como o número e identidade dos seus integrantes, que se deberá actualizar ao 31 de decembro de cada ano, quedando tamén incorporados no citado rexistro os estatutos ou normativa de réxime interno de cada agrupación, sección e comisión, así como a composición actualizada dos seus órganos directivos.

Norma novena.- As agrupacións, seccións e comisións colexiais deberán elaborar unha memoria anual de actividades, cuxo contido se lle facilitará á Xunta de Goberno antes do día 15 de xaneiro do ano seguinte, para poder render informe na Xunta Xeral Ordinaria do mes de xaneiro.

Disposición transitoria.- No prazo dun mes dende a aprobación das presentes normas, os colectivos existentes que desexen acollerse á denominación de Sección colexial deberano solicitar por escrito da Xunta de Goberno.

Acordo da Xunta de Goberno: 5/10/2005

Co fin de que inicien o seu funcionamento no seo deste Colexio, apróbanse as respectivas Normas para a constitución das seguintes seccións: Dereito Marítimo, Dereito de Familia, Dereito Laboral, Dereito Civil de Galicia, Dereito Penal e Dereito da Circulación, Responsabilidade Civil e Seguros.

A aprobación destas seis Normas comunicarase na próxima circular colexial, co fin de que aqueles letrados interesados poidan presentar a súa solicitude de integración nelas, e publicarase o seu contido íntegro na páxina web colexial.

Acordo da Xunta de Goberno: 12/01/2006

Co fin de que inicie o seu funcionamento no seo deste Colexio, apróbanse as respectivas Normas para a constitución da sección de Dereito Administrativo.

A aprobación destas seis Normas comunicarase na próxima circular colexial, co fin de que aqueles letrados interesados poidan presentar a súa solicitude de integración nelas, e publicarase o seu contido íntegro na páxina web colexial.

2.- Solicitude de inclusión

Constituídas no Colexio as seccións de Dereito Civil de Galicia, de Dereito Marítimo, de Dereito de Circulación, Responsabilidade Civil e Seguros, de Dereito de Familia, de Dereito Laboral e de Dereito Penal (ver na web "ICACOR.es"-Agrupacións e seccións colexiais), rógase aos colexiados que queiran formar parte delas ou dalgunha delas que se dirixan ao Colexio entregando persoalmente ou enviando por fax (981-120 480) o formulario que se achega debidamente cuberto, co fin de ser convocados para iniciar na primeira quincena de novembro as reunións de estudo.

Modelo de Solicitude de Inclusión nas Seccións de Dereito do Colexio. (PDF)