ICACOR

Asistencia xurídica gratuíta

Requisitos para poder solicitar asistencia xurídica gratuíta (PDF)

Impreso de autorización para presentar xunto a solicitude de Asistencia Xurídica Gratuita (PDF)

Modelo de Solicitude de Asistencia Xurídica Gratuita: Mod.Xunta PR204A (DOGA Nº 155 - Xoves, 18 de agosto de 2016) (PDF)

Documento de Información ao asistido (PDF)

Informe sobre silencio positivo (PDF)

Modo de actuar ante as denegacións de asistencia xurídica gratuíta (PDF)

Modelo de recurso para denegacións de asistencia xurídica gratuíta (DOC)

O dereito á asistencia xurídica gratuíta

¿Qué é?

O dereito constitucional que ten toda persoa que acredite insuficiencia de recursos para litigar, así como aquelas que expresamente dispoña a lei a obter de forma gratuíta a tutela xudicial efectiva dos seus dereitos e intereses lexítimos.

¿Quen ten dereito á asistencia xurídica gratuíta?

Personas físicas:

En xeral: os cidadáns españois, os nacionais dos demais estados membros da Unión Europea e os estranxeiros que residan legalmente en España, cando acrediten insuficiencia de recursos para litigar.

E ademais:

Os estranxeiros non residentes que acrediten insuficiencia de recursos para litigar terán dereito á asistencia letrada e á defensa e representación gratuítas na xurisdición penal, nos procedementos administrativos ou xudiciais que poidan levar á denegación da súa entrada, á súa devolución ou expulsión do territorio español e en todos os procedementos en materia de asilo.

Como excepción, non será necesario acreditar insuficiencia económica na xurisdición militar, nin na orde xurisdicional social aos traballadores e os beneficiarios do sistema de Seguridade Social.

Persoas xurídicas:

En xeral: non teñen dereito á asistencia xurídica gratuíta.

Como excepción:

Sen necesidade de acreditar insuficiencia de recursos: as entidades xestoras e servizos comúns da Seguridade Social, as asociacións de consumidores e usuarios e a Cruz Vermella.

Acreditando insuficiencia de recursos: as asociacións declaradas de utilidade pública e as fundacións inscritas no rexistro administrativo correspondente.

¿Que se entende por insuficiencia de recursos económicos?

Persoas físicas: cando os seus recursos e ingresos, en cómputo anual e por unidade familiar, non superen o dobre do salario mínimo interprofesional vixente no momento de efectuar a solicitude.

Persoas xurídicas: cando a súa base impoñible no Imposto de Sociedades sexa inferior á cantidade equivalente ao triplo do salario mínimo interprofesional en cómputo anual.

¿Que prestacións comprende o dereito á asistencia xurídica gratuíta?

Asesoramento e orientación gratuítos previos ao proceso, asistencia de avogado ao detido ou preso que non o designase, defensa e representación gratuítas no procedemento xudicial, inserción gratuíta de anuncios ou edictos, exención do pago de depósitos necesarios para a interposición de recursos, asistencia pericial gratuíta e redución ou gratuidade de gastos notariais e de rexistro necesarios para a obtención de documentos públicos relacionados coa pretensión a defender polo beneficiario.

¿Onde podo solicitar a Asistencia Xurídica Gratuíta?

Nas oficinas do Colexio de avogados competente ou ante o xulgado do seu domicilio.

¿Quen designa o Avogado?

O Colexio de avogados, mediante un sistema informático de nomeamento, segundo unha quenda de oficio previamente establecida que está dividida por especialidades.

¿Está obrigado o Avogado designando á miña defensa?

En xeral: Sí.

Como excepción: se no ámbito penal alega un motivo persoal e xusto de escusa, se a pretensión é xuridicamente insostible, ou se se dan supostos de incompatibilidade que impoñan a renuncia ou escusa en atención ao establecido no Estatuto Xeral da Avogacía ou as normas éticas e deontolóxicas que rexen a profesión.

¿Teño obriga de lle pagar honorarios ao avogado?

En xeral: Non.

Como excepción:

  • Cando a resolución que poña fin ao proceso condene a persoa beneficiaria do dereito á asistencia xurídica gratuíta ao pago dos gastos xudiciais (custas), esta quedará obrigada a pagar as causadas na súa defensa e as da parte contraria, se dentro dos tres anos seguintes ao remate do proceso viñese a mellor fortuna. Presúmese que veu a mellor fortuna cando os seus ingresos e recursos económicos por todos os conceptos superen o cuádruplo do salario mínimo interprofesional, ou se se alterasen substancialmente as circunstancias e condicións tidas en conta para recoñecer o dereito conforme á presente lei.

  • Cando a resolución que poña fin ao proceso non conteña expreso pronunciamento sobre os gastos xudiciais (custas), vencendo no preito a persoa beneficiaria da asistencia xurídica gratuíta, deberá esta pagar as custas causadas na súa defensa, sempre que non excedan da terceira parte do que nel obtivese.