ICACOR

Sobre a natureza xurídica do Colexio

O Colexio de Avogados da Coruña, igual có resto dos colexios profesionais, é unha Corporación de Dereito Público, de base privada, que ten personalidade xurídica propia, segundo declarou reiteradamente tanto o Tribunal Constitucional como o Tribunal Supremo de España.

Esta dualidade na súa natureza xurídica fai que participen nalgúns casos das características das asociacións -aínda que non na súa totalidade- pero que exerzan determinadas competencias públicas, en función do interese público destas institucións.

Esta natureza especial aparece recollida na sentenza do T.C. do 17 de xullo de 1989, en cuxo fundamento cuarto xa se dispón que "… os colexios profesionais, pola súa tradición, pola súa natureza xurídica e fins, pola súa constitucionalmente permitida regulación por lei, non son submisibles na totalidade do sistema xeral das asociacións a que se refire o artigo 22 CE porque, aínda sendo en certo modo asociacións, constitúen unha peculiar clase delas, con regras legais propias (art. 36), distintas das asociacións de natureza xurídico-privada, é claro que non se pode aplicar o réxime destas"; e engade a continuación esta mesma sentenza, para explicar a natureza pública destes, "ao cumprirse polos colexios profesionais outros fins específicos determinados pola profesión titulada, de indubidable interese público (disciplina profesional, normas deontolóxicas, sancións penais ou administrativas, recursos procesuais, etc.)…".

Así pois, os colexios profesionais, en xeral, e con eles, os de avogados, teñen esta peculiaridade, que determina a existencia dun réxime xurídico particular, que vén recoñecido expresamente no artigo 36 da Constitución española.

Artigo 1. (Estatutos colexiais)

  1. O Ilustre Colexio Provincial de Avogados da Coruña é unha Corporación de Dereito público, amparada pola lei e recoñecida polo Estado, con personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins.

  2. O ámbito territorial do Colexio abarca os partidos xudiciais da Coruña, Betanzos, Carballo, Corcubión, Muros, Noia e Ribeira.

  3. O Colexio ten a súa sede na Coruña e o seu domicilio na rúa Federico Tapia núm. 11, baixo, sen prexuízo das oficinas que ten abertas e poida no futuro abrir, en edificios e dependencias xudiciais ou en calquera outro punto dentro do seu ámbito territorial.

  4. O Colexio contará con delegacións en todas as demarcacións xudiciais do seu ámbito territorial, coa estrutura, facultades e competencias que determine a Xunta de Goberno.