ICACOR

Competencia e funcións: réxime xurídico aplicable

Como xa quedou reflectido, a propia Constitución dedica un dos seus artigos aos colexios profesionais -o xa mencionado artigo 36- facendo mención expresa a que o seu réxime xurídico estará regulado por lei, e que a estrutura interna e o funcionamento dos colexios deberá ser democrático.

No que se refire á regulación legal de carácter estatal, débese sinalar que data do ano 1974, e que foi adaptada por medio da Lei 74/78 do 26 de decembro.

E na autonómica, existe unha Lei de colexios profesionais, aprobada polo Parlamento de Galicia, e que é a 11/2001, do 28 de setembro, e na súa exposición de motivos relata que a competencia está atribuída á nosa comunidade autónoma pola Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma de Galicia, onde se lle atribúen as competencias para "desenvolvemento lexislativo e execución".

No que afecta á avogacía, a nosa máxima norma é o Estatuto da Avogacía, aprobado por Real decreto 658/2001, do 22 de xuño, onde se conteñen a regulación da nosa profesión, así como disposicións que afectan de modo particular ao réxime xurídico dos colexios de avogados, do Consello Xeral da Avogacía e, en menor medida, dos consellos autonómicos.

O Consello Xeral da Avogacía aprobou diversas normas que regulan a disciplina profesional, como son o Código Deontolóxico ou o Regulamento de procedemento sancionador.

Pola súa parte, cada colexio de avogados ten aprobados os seus estatutos colexiais, que regulan o seu funcionamento interno.

Competencia - Artigo 2. (E.C)

  1. Son fins esenciais desta corporación a ordenación do exercicio da profesión, a súa representación exclusiva, a defensa dos intereses profesionais dos colexiados, o control deontolóxico e a aplicación do réxime disciplinario en garantía da sociedade, a defensa do estado social e democrático de dereito proclamado na Constitución, a promoción e defensa dos dereitos humanos, e a colaboración co funcionamento, a promoción e a mellora da Administración de Xustiza.
  2. O Colexio rexerase polas disposicións legais estatais ou autonómicas que lle afecten, polo Estatuto Xeral da Avogacía e polas disposicións do presente Estatuto así como polos regulamentos de réxime interior e polos acordos aprobados polos seus diferentes órganos de goberno.

Funcións - Artigo 3. (E.C)

Son funcións do Colexio de Avogados, no seu ámbito territorial:

  • Ostentar a representación que establezan as leis para o cumprimento dos seus fins e, especialmente, a representación e defensa da profesión ante a Administración, institucións, tribunais, entidades e particulares, con lexitimación para ser parte en cantos litixios e causas afecten aos dereitos e intereses profesionais e aos fins da avogacía, exercitar as accións penais, civís, administrativas ou sociais que sexan procedentes, así como para utilizar o dereito de petición conforme á lei.
  • Informar, no seu ámbito de competencia, de palabra ou por escrito, en cantos proxectos ou iniciativas das Cortes Xerais, do Goberno, dos Órganos Lexislativo e Executivo da Comunidade Autónoma e de cantos outros organismos que así o requiran.
  • Colaborar co Poder Xudicial e os demais poderes públicos mediante a realización de estudos, emisión de informes, elaboración de estatísticas e outras actividades relacionadas cos seus fins, que lle sexan solicitadas ou acorde por propia iniciativa.
  • Organizar e xestionar os servizos de asistencia xurídica gratuíta e cantos outros de asistencia e orientación xurídica poidan crearse.
  • Participar en materias propias da profesión nos órganos consultivos da Administración, así como nos organismos internacionais.
  • Asegurar a representación da avogacía nos Consellos Sociais e Padroados Universitarios, nos termos establecidos nas normas que os regulen.
  • Participar na elaboración dos plans de estudos, informar das normas de organización dos centros docentes correspondentes á profesión, manter permanente contacto con eles; constituír, manter, dirixir ou participar na Escola de Práctica Xurídica e outros medios para facilitar o acceso á vida profesional dos novos titulados, organizar cursos para a formación e perfeccionamento profesional.
  • Ordenar a actividade profesional dos colexiados dentro do ámbito das súas competencias territoriais, velando pola formación, a ética e a dignidade profesionais e polo respecto debido aos dereitos dos particulares; exercer a facultade disciplinaria na orde profesional e colexial; elaborar os seus estatutos particulares e a súa modificación, someténdoos á aprobación do Consello Xeral da Avogacía Española; redactar e aprobar o seu regulamento de réxime interior e demais acordos para o desenvolvemento das súas competencias.
  • Organizar e promover actividades e servizos comúns de intereses para os colexiados, de carácter profesional, formativo, cultural, asistencial, de previsión e outros análogos, incluído o aseguramento preciso da responsabilidade civil profesional.
  • Procurar a harmonía e colaboración entre os colexiados impedindo a competencia desleal entre eles.
  • Adoptar as medidas conducentes a evitar e perseguir o intrusismo profesional, exercitando as accións que fosen procedentes por supostos delitos ou faltas de intrusismo.
  • Intervir, logo da solicitude previa, en vías de conciliación ou arbitraxe nas cuestións que, por motivos profesionais, se susciten entre os colexiados, ou entre estes e os seus clientes.
  • Exercer funcións de arbitraxe nos asuntos que lles sexan sometidos, así como promover ou participar en institucións de arbitraxe.